Sunday, November 15, 2009
Raiola en Dombodán
Raiola Teatro no III CICLO DE TEATRO AFECCIONADO DE OUTONO –Dombodán-Arzúa.
Función con calor e bebé protestón.
Actuar a ras de chan achega os cómicos aos espectadores; evita o esforzo da proxección de voz e a perda, no fraseo, dalgunha palabra-clave por parte do cercanísimo público ao que lle toca, por outra parte, ver a obra con máis dificultades que cando mira ao alto, a un escenario.
Dombodán soa a mozote alto e forte, de acolledor abrazo, mirada nobre e gargallada aberta; soa tamén a igrexa entre carballos, nogueiras e cans que dormen a perna solta na tranquila calzada parroquial. Dombodán soña con morder as cereixas grandes, frescas e avermelladas que saben a labios de patinadora. Dombodán é un bondadoso abade, en delgado; é un riso de iluminación natural; é unha pequena vila, sen emisora local, aínda pero cun local SOCIAL que, ateigado, escoita, ri, aplaude e agradece, cunha exquisita educación teatral, a actuación dun grupo afeccionado que se entrega, e nótaselle, en cada función.
Dombodán é un xavier predicador da cultura histórica galega e universal. E como bo predicador e doador de palabras, chegará a formarse como inventor das mesmas e por iso, é atraínte e por moitas outras razóns, quéreselle.
Raiola, Padrón como Dombodán, será teu.
Ququi Naveira – A Coruña.
Función: 8 de novembro de 2009.
Local Social de Dombodán ás 18 h.
Funcións próximas: 27 de novembro, Concello de Padrón.
Thursday, November 5, 2009
Raiola en Ru
Preparativos accidentados, función calorosa.
Cando alguén non sabe cambiar unha roda picada e un auto queda durante horas na estrada; ou a outro alguén se lle esquecen os focos. Ou a un terceiro alguén se lle ocorre apoiar as xemas dos dedos na vitro quente... É que vai haber función, e si que a houbo e moi boa, por certo. Despois dos nervios diante dun local algo ‘diferente’ polo orixinal e despois da colocación de luces, son, escenografía, e asentos os actores e actrices e mais os músicos, vestíronse e maquilláronse e sorprendentemete parece que saíron a actuar tranquilamente. É así foi porque a obra saiu moi ben.
Hai que imaxinar a un público participativo, que se ilusionou co tema amoroso desde o primeiro momento e que seguramente se viu alentado por un grupo actoral entregado. A música en directo tamén axuda e as luces colocáronse con precisión.
Comeza un novo curso e un novo roteiro para Os da mesa dez.
As últimas representacións en Ortigueira, Cariño e Rois, tiveran moito éxito e a compañía recibiu sempre felicitacións. Isto mesmo pasou en Vilasantar- Ru, as encargadas de cultura do concello, rifaron coa compañía polo pouco que cobrara...disque.
O grupo viuse enriquecido cunha nova actriz, Lucía Ortega e un novo actor, Martín Concha que aparentaban ser verdadeiros veteranos no escenario. Ambos xa teñen actuado, é certo, pero non en Raiola Teatro. Parabéns para os dous polo ben que se centraron. En segredo, direivos que algún deles se ‘cargou` dúas veces a farola do decorado, mais iso que importa se todos os deuses apoiaron ao grupo?
Benvida a Lucía e Martín e aplauso cariñoso para Raiola Teatro.
Ququi Naveira Velasco
Próximas representacións:
DOMINGO 8 DE NOVEMBRO, ARZÚA
VENRES 27 DE NOVEMBRO, PADRÓN
VENRES 4 DE DECEMBRE, DODRO
ANIMÁDEVOS E ASISTIDE QUE HAI BOS PEMENTOS E BO QUEIXO¡