Monday, January 21, 2013
Nova estrea: A man da santiña
A MAN DA SANTIÑA
“A Man da Santiña”, de Ramón Cabanillas, nace nun momento en que o sentimento nacionalista se espallara por toda Galicia, cara 1919. Cabanillas cría, ferventemente, que o teatro era un instrumento galeguizador imprescindible.
Nesta obra, o coñecido autor, representa ou reflexa a vida cotiá da época, dándolle importancia a escenas ou momentos rutinarios do día a día, que provocan nos espectadores unha sensación de familiaridade, capando a súa atención. É por iso que a min, persoalmente, pareceume unha peza moi amena e fácil de entender, ademais de divertida. Os personaxes están perfectamente caracterizados e, a través dos diálogos que comparten, imos coñecendo a súa forma de ser. Quizais o personaxe que máis me gustou foi o da irmá menor. O seu modo de comportarse e as súas ideas e ledicias converteron a esa nena nunha personaxe alegre e inqueda, que te facia rir cando menos o esperabas.
Respecto ao argumento, este trata temas fundamentais da época como a non pouco frecuente emigración ao continente americano, algo que, lamentablemente, tamén é innegable na actualidade. Na obra, un mozo, tras pasar sete anos fóra da súa casa, regresa, decatándose de que todo cambiou. A idea que podemos extraer disto é a fugacidade dunha vida que debemos aproveitar sempre ao máximo, sobre todo os nosos anos de mocidade con esa despreocupación, pois pasan máis rápido do que parece. Por outro lado, na peza teatral, toda a historia xira arredor dos sentimentos dos personaxes e dos seus medos e desexos. Amor e desamor son o centro da obra que, aínda que curta, tamén é moi intensa. Todo o tratado nela é cercano a nós e polo tanto sumerxímonos na historia case sen decatarnos, identificándonos cos distintos problemas dos personaxes.
Finalmente debo engadir que a obra foi moi ben interpretada polos meus compañeiros, nunha situación difícil, diante dos coñecidos e amigos. Porén, eles non tiveron ningún problema e levaron a cabo o seu papel sentindo ao seu personaxe e introducíndose na súa pel.
Penso que “A Man da Santiña” achegounos a todos un pouco máis ao teatro, que case descoñecemos ao completo. Espero que esta representación, e moitas outras posteriores, nos acheguen á esencia do teatro.
OOO
Subscribe to:
Posts (Atom)