Thursday, December 10, 2009

Raiola en Curtis


Curtis: chocolate quente con larpeira na mesa dez.

Curtis soa a friaxe pero ese venres da función non ía frío porque o multiusos nos recibiu con moita calor humana –a atención cara a Raiola foi impecable- e da outra, si, agradeceuse a calefacción, de entrada, cando se chega húmido pola tormenta chuviosa desa tarde (algo despois, algún actor ficou en camiseta).
O multiusos é un edificio moderno preparado para todo tipo de actividades. No salón principal, un estrado baixo fai de escenario. Faltábanlle as bambolinas que se substituíron por biombos de madeira e si hai telón e isto facilitou a saída e entrada de actrices e actores.
En cada lugar, parroquia ou vila, unha compañía de teatro sabe que vai atopar unha sorpresa. Alí foi o chocolate.
Chovía, chovía tan forte que as voces dos actores –algunha danada e suavizada con mel- e actrices soaban tras dun ritmo musical ‘tecoleado’ no tellado do edificio. De verdade, chovía a cachón, a baldes, a cubos enormes de auga emborcados polas terras de Curtis, de Teixeiro e de Coruña toda.
Pensábase actuar para catrosiareiros tolos e despistados que se achegasen por alí, mais viñeron varios grupiños que arrouparon a compañía e Raiola sentiuse gratamente sorprendida.
Quizá por iso actuaron tan ben e conxuntados. Inspirados.
Salvouse o problema dun foco, pero non o dos reis do tute, eles saben vivir.
Ao final, todos tomaron chocolate a eito, e larpeira, e máis chocolate e máis larpeira e marcharon, marchamos rapidamente por temor á estrada pero contentos pola acollida dispensada que ademais nos incluíra na Semana Cultural de Nadal.
Grazas, unha vez máis, ás familias dos actores e actrices que nos seguen, esta vez foi a de Martín, graciñas ao seu avó polos seus aplausos.(Eran merecidos, fai moi ben de acosador, verdade?.) Graciñas a esas siareiras valentes que foron vernos loitando coa treboada, xa sabedes Cristina end company; e a Marisol que nos salvou de irnos a Teixeiro –alí tamén iremos, esperamos- . E, por descontado, á encargada do multiusos que nos brindou chocolate con sorrisos e efectividade no seu traballo.

Ququi Naveira Velasco, en A Coruña a 9 de Decembro de 2009.

Raiola en Padrón

Padrón, unha interpretación polas alturas.

Padrón recibiu a Raiola Teatro no seu Auditorium e dentro do ciclo Outono Cultural polo que o grupo actuou xunto con outras moitas compañías como Lagarta Lagarta ou Talía Teatro ou xunto con outras actuacións de tipo musical, por exemplo.Isto é un bo comezo porque deste xeito se traballou diante dun público preparado para ver teatro, educado cara ao teatro. Os seguidores do teatro ven vir as accións dramáticas de lonxe, rin con antelación, entenden a retranca e o xesto. Isto axudou.
Houbo varios sustos previos á función: un escenario demasiado alto –así vese mellor os actores, pensarán, si pero marea-; unha cámara de video que asombraba, só houbo un actor que a esquivou ben; un apagón na entrada ao recinto, nas escaleiras; e falando de sustos, o maior era a estrea, a estrea de dúas actrices nunha nova personaxe.
Pero o feito teatral é mudable, sorpresivo. Unha obra concreta, representada, nunca resulta igual. Pode ser porque alguén da compañía estea máis inspirado ou moi, moi triste. Ou porque ese público en concreto é moi receptivo. Porque choveu e houbo máis espectadores que se refuxiaron no teatro, ou por todo o contrario, e non asistiron case espectadores. Nunca se sabe o que vai suceder. Por iso, por ser un espectáculo ao vivo, emociona tanto.
Cando nunha compañía teatral ha mundanzas, sempre é bo. Unha actriz nova que aporta unha diferente visión da personaxe. Unha actriz que substitúe a outra e leva consigo unha forza interpretativa chea de matices distintos –cómicos ou dramáticos, no sentido literal do termo- que sorprenden os compañeiros e anímaos a renovarse, a dar a talla , matices que fan sorrir ou rir constantemente a un público entregado. A paixón da estrea é a paixón da estrea pero a vis cómica non se pode aprender.
Os novos rañaceos luciron moito nos escanos do auditorium, gustaron arropados polo telón azul, por iso algunhas pequechas da ESO que os pintaron estarían orgullosas de velos, ( Ana Barral, Elena Ferreiro, Claudia Viña, Judith Fernández, María Ferreño, Mariana Paez, Lucía Ojea e Rosalía Rocha) e Raiola está segura que elas serán as herdeiras do soño teatral, as futuras raioliñas que iluminarán a escena, decorando ou actuando.
Pódese afirmar que en Padrón houbo unha Raiola renovada e un público agradecido, simpático, espontáneo.

Ququi Naveira Velasco, en A Coruña a 9 –XII-09