Thursday, December 10, 2009

Raiola en Curtis


Curtis: chocolate quente con larpeira na mesa dez.

Curtis soa a friaxe pero ese venres da función non ía frío porque o multiusos nos recibiu con moita calor humana –a atención cara a Raiola foi impecable- e da outra, si, agradeceuse a calefacción, de entrada, cando se chega húmido pola tormenta chuviosa desa tarde (algo despois, algún actor ficou en camiseta).
O multiusos é un edificio moderno preparado para todo tipo de actividades. No salón principal, un estrado baixo fai de escenario. Faltábanlle as bambolinas que se substituíron por biombos de madeira e si hai telón e isto facilitou a saída e entrada de actrices e actores.
En cada lugar, parroquia ou vila, unha compañía de teatro sabe que vai atopar unha sorpresa. Alí foi o chocolate.
Chovía, chovía tan forte que as voces dos actores –algunha danada e suavizada con mel- e actrices soaban tras dun ritmo musical ‘tecoleado’ no tellado do edificio. De verdade, chovía a cachón, a baldes, a cubos enormes de auga emborcados polas terras de Curtis, de Teixeiro e de Coruña toda.
Pensábase actuar para catrosiareiros tolos e despistados que se achegasen por alí, mais viñeron varios grupiños que arrouparon a compañía e Raiola sentiuse gratamente sorprendida.
Quizá por iso actuaron tan ben e conxuntados. Inspirados.
Salvouse o problema dun foco, pero non o dos reis do tute, eles saben vivir.
Ao final, todos tomaron chocolate a eito, e larpeira, e máis chocolate e máis larpeira e marcharon, marchamos rapidamente por temor á estrada pero contentos pola acollida dispensada que ademais nos incluíra na Semana Cultural de Nadal.
Grazas, unha vez máis, ás familias dos actores e actrices que nos seguen, esta vez foi a de Martín, graciñas ao seu avó polos seus aplausos.(Eran merecidos, fai moi ben de acosador, verdade?.) Graciñas a esas siareiras valentes que foron vernos loitando coa treboada, xa sabedes Cristina end company; e a Marisol que nos salvou de irnos a Teixeiro –alí tamén iremos, esperamos- . E, por descontado, á encargada do multiusos que nos brindou chocolate con sorrisos e efectividade no seu traballo.

Ququi Naveira Velasco, en A Coruña a 9 de Decembro de 2009.

No comments:

Post a Comment