Wednesday, February 3, 2010

A gata sobre o tellado de zinc quente, en Mera



Para os seguidores de teatro produce unha certa inquietude a asistencia a unha obra coñecida e aínda máis cun autor clásico e representado tamén no cinema por actores e actrices moi populares. Nestes casos, o público tende a acudir en máis número e isto é curioso. Os espectadores non repiten en cinema mais si en teatro, ópera ou en determinados concertos. Normalmente asístese con ilusión e ese puntiño esperanzado para pasalo ben.
Cando presenta un director a telón pecho e explica, cun bebé no colo e a emoción contida na voz a ilusión que lle fai actuar para o público oleirense pénsase, isto vai por bo camiño, este director, está entregado; pídese xa pouco máis.
O mellor das obras de arte é que emocionen e este texto, xa o sabemos, conségueo. Logo, deben entreter, que o espectador note pouco o tempo. Malia ver fallos ou pequenos despistes. Isto xa é labor do director. Para logralo debe facer unha montaxe dinámica, na que todas as marcas, xestos e voces estean controladas. A montaxe do grupo Axóuxere é dinámica. Por iso o tempo da representación pasa rapidamente.
Os actores directamente implicados na trama argumental crean unha tensión dramática plena e saben estar no seu sitio. As voces, nas voltas, pérdense nalgún momento. Mais os movementos escénicos, vese que están estudados previamente, é importante que non se despisten. Pai e fillo, están á par, igualados na voz e na interpretación. Faltou quizá, no fillo, algo máis de xestualidade de alcoholizado? Tamén as gatas e a avoa son tres boas actrices, con sonoridade na voz, cun timbre e unha cor moi bonitos.
Cando actúa un grupo de afeccionados ( hai dous anos que comezou) coma este hai que darlle un fortísimo aplauso porque ademais consegue emocionar a un público moi numeroso.
As persoas que teñen ese labor entre mans, con pouco, ou nada de orzamento para os decorados, con imaxinación, en vez de euros para a indumentaria, saben da ilusión posta nesta obra. Por iso, quérese dar parabéns a toda a compañía por ese tempo de lecer nun serán dun sábado, o último deste xaneiro de 2010.
Ququi Naveira Velasco.

No comments:

Post a Comment