Monday, January 21, 2013

Nova estrea: A man da santiña

A MAN DA SANTIÑA
“A Man da Santiña”, de Ramón Cabanillas, nace nun momento en que o sentimento nacionalista se espallara por toda Galicia, cara 1919. Cabanillas cría, ferventemente, que o teatro era un instrumento galeguizador imprescindible. Nesta obra, o coñecido autor, representa ou reflexa a vida cotiá da época, dándolle importancia a escenas ou momentos rutinarios do día a día, que provocan nos espectadores unha sensación de familiaridade, capando a súa atención. É por iso que a min, persoalmente, pareceume unha peza moi amena e fácil de entender, ademais de divertida. Os personaxes están perfectamente caracterizados e, a través dos diálogos que comparten, imos coñecendo a súa forma de ser. Quizais o personaxe que máis me gustou foi o da irmá menor. O seu modo de comportarse e as súas ideas e ledicias converteron a esa nena nunha personaxe alegre e inqueda, que te facia rir cando menos o esperabas. Respecto ao argumento, este trata temas fundamentais da época como a non pouco frecuente emigración ao continente americano, algo que, lamentablemente, tamén é innegable na actualidade. Na obra, un mozo, tras pasar sete anos fóra da súa casa, regresa, decatándose de que todo cambiou. A idea que podemos extraer disto é a fugacidade dunha vida que debemos aproveitar sempre ao máximo, sobre todo os nosos anos de mocidade con esa despreocupación, pois pasan máis rápido do que parece. Por outro lado, na peza teatral, toda a historia xira arredor dos sentimentos dos personaxes e dos seus medos e desexos. Amor e desamor son o centro da obra que, aínda que curta, tamén é moi intensa. Todo o tratado nela é cercano a nós e polo tanto sumerxímonos na historia case sen decatarnos, identificándonos cos distintos problemas dos personaxes. Finalmente debo engadir que a obra foi moi ben interpretada polos meus compañeiros, nunha situación difícil, diante dos coñecidos e amigos. Porén, eles non tiveron ningún problema e levaron a cabo o seu papel sentindo ao seu personaxe e introducíndose na súa pel. Penso que “A Man da Santiña” achegounos a todos un pouco máis ao teatro, que case descoñecemos ao completo. Espero que esta representación, e moitas outras posteriores, nos acheguen á esencia do teatro. OOO

Sunday, February 28, 2010

Próxima Montaxe de Raiola: "Non se chora"


TÍTULO: Non se chora AUTOR: Roberto Cossa

Personaxes e intérpretes
:

(Por orde de intervención) Lola: Lucía Ortega

Carme: Ana Garrote

Ramón: Martín Concha

Pedro: Javier Abad

Manuel: Antonio López

Nai: María Saavedra

CONTIDOS DA OBRA


Temática: A loita polo poder económico-social.

Xénero: Drama.

Espazo: Salón familia clase media-baixa.

Tempo: Anos sesenta. Duración aprox.: 1 h.30’



Resumo argumental: Célebrase o aniversario da avoa . Os fillos e as noras achéganse á súa casa con agasallos e a típica torta para celebralo. Coa emoción, a señora séntese mareada e tense que ir descansar durante un tempo. Entrementres os fillos descobren que a súa nai é máis rica do que eles pensaban. Comeza entón unha desazón materno-filial incontrolada. Cando, algo resposta, a nai volta ao salón, os fillos e as noras xa non son os mesmos.


Outras montaxes de Raiola Teatro:

Dous perdidos nunha noite suxa, de Plinio Marcos.

Historias Peregrinas, de Miguel Anxo Murado.

O arce do xardín, de Roberto Salgueiro.

Fin de acto, de Alverto Avendaño

Os vellos non deben de namorarse, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Mulleriñas, de Josephine March.

Pic-nic, de Fernando Arrabal

Os cravos de prata, de Nicolás Bela.

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María.

Historia de como o noso amigo Panchiño Gozález se sentiu responsable do andazo de peste bubónica na África do Sur, de Osvaldo Dragún.

O complexo, de Eduardo Blanco Amor.

Os da mesa dez, de Osvaldo Dragún.

As malmaridadas, de AA.VV.

O xantar, adaptación de cinema.

Wednesday, February 3, 2010

A gata sobre o tellado de zinc quente, en Mera



Para os seguidores de teatro produce unha certa inquietude a asistencia a unha obra coñecida e aínda máis cun autor clásico e representado tamén no cinema por actores e actrices moi populares. Nestes casos, o público tende a acudir en máis número e isto é curioso. Os espectadores non repiten en cinema mais si en teatro, ópera ou en determinados concertos. Normalmente asístese con ilusión e ese puntiño esperanzado para pasalo ben.
Cando presenta un director a telón pecho e explica, cun bebé no colo e a emoción contida na voz a ilusión que lle fai actuar para o público oleirense pénsase, isto vai por bo camiño, este director, está entregado; pídese xa pouco máis.
O mellor das obras de arte é que emocionen e este texto, xa o sabemos, conségueo. Logo, deben entreter, que o espectador note pouco o tempo. Malia ver fallos ou pequenos despistes. Isto xa é labor do director. Para logralo debe facer unha montaxe dinámica, na que todas as marcas, xestos e voces estean controladas. A montaxe do grupo Axóuxere é dinámica. Por iso o tempo da representación pasa rapidamente.
Os actores directamente implicados na trama argumental crean unha tensión dramática plena e saben estar no seu sitio. As voces, nas voltas, pérdense nalgún momento. Mais os movementos escénicos, vese que están estudados previamente, é importante que non se despisten. Pai e fillo, están á par, igualados na voz e na interpretación. Faltou quizá, no fillo, algo máis de xestualidade de alcoholizado? Tamén as gatas e a avoa son tres boas actrices, con sonoridade na voz, cun timbre e unha cor moi bonitos.
Cando actúa un grupo de afeccionados ( hai dous anos que comezou) coma este hai que darlle un fortísimo aplauso porque ademais consegue emocionar a un público moi numeroso.
As persoas que teñen ese labor entre mans, con pouco, ou nada de orzamento para os decorados, con imaxinación, en vez de euros para a indumentaria, saben da ilusión posta nesta obra. Por iso, quérese dar parabéns a toda a compañía por ese tempo de lecer nun serán dun sábado, o último deste xaneiro de 2010.
Ququi Naveira Velasco.

Thursday, December 10, 2009

Raiola en Curtis


Curtis: chocolate quente con larpeira na mesa dez.

Curtis soa a friaxe pero ese venres da función non ía frío porque o multiusos nos recibiu con moita calor humana –a atención cara a Raiola foi impecable- e da outra, si, agradeceuse a calefacción, de entrada, cando se chega húmido pola tormenta chuviosa desa tarde (algo despois, algún actor ficou en camiseta).
O multiusos é un edificio moderno preparado para todo tipo de actividades. No salón principal, un estrado baixo fai de escenario. Faltábanlle as bambolinas que se substituíron por biombos de madeira e si hai telón e isto facilitou a saída e entrada de actrices e actores.
En cada lugar, parroquia ou vila, unha compañía de teatro sabe que vai atopar unha sorpresa. Alí foi o chocolate.
Chovía, chovía tan forte que as voces dos actores –algunha danada e suavizada con mel- e actrices soaban tras dun ritmo musical ‘tecoleado’ no tellado do edificio. De verdade, chovía a cachón, a baldes, a cubos enormes de auga emborcados polas terras de Curtis, de Teixeiro e de Coruña toda.
Pensábase actuar para catrosiareiros tolos e despistados que se achegasen por alí, mais viñeron varios grupiños que arrouparon a compañía e Raiola sentiuse gratamente sorprendida.
Quizá por iso actuaron tan ben e conxuntados. Inspirados.
Salvouse o problema dun foco, pero non o dos reis do tute, eles saben vivir.
Ao final, todos tomaron chocolate a eito, e larpeira, e máis chocolate e máis larpeira e marcharon, marchamos rapidamente por temor á estrada pero contentos pola acollida dispensada que ademais nos incluíra na Semana Cultural de Nadal.
Grazas, unha vez máis, ás familias dos actores e actrices que nos seguen, esta vez foi a de Martín, graciñas ao seu avó polos seus aplausos.(Eran merecidos, fai moi ben de acosador, verdade?.) Graciñas a esas siareiras valentes que foron vernos loitando coa treboada, xa sabedes Cristina end company; e a Marisol que nos salvou de irnos a Teixeiro –alí tamén iremos, esperamos- . E, por descontado, á encargada do multiusos que nos brindou chocolate con sorrisos e efectividade no seu traballo.

Ququi Naveira Velasco, en A Coruña a 9 de Decembro de 2009.

Raiola en Padrón

Padrón, unha interpretación polas alturas.

Padrón recibiu a Raiola Teatro no seu Auditorium e dentro do ciclo Outono Cultural polo que o grupo actuou xunto con outras moitas compañías como Lagarta Lagarta ou Talía Teatro ou xunto con outras actuacións de tipo musical, por exemplo.Isto é un bo comezo porque deste xeito se traballou diante dun público preparado para ver teatro, educado cara ao teatro. Os seguidores do teatro ven vir as accións dramáticas de lonxe, rin con antelación, entenden a retranca e o xesto. Isto axudou.
Houbo varios sustos previos á función: un escenario demasiado alto –así vese mellor os actores, pensarán, si pero marea-; unha cámara de video que asombraba, só houbo un actor que a esquivou ben; un apagón na entrada ao recinto, nas escaleiras; e falando de sustos, o maior era a estrea, a estrea de dúas actrices nunha nova personaxe.
Pero o feito teatral é mudable, sorpresivo. Unha obra concreta, representada, nunca resulta igual. Pode ser porque alguén da compañía estea máis inspirado ou moi, moi triste. Ou porque ese público en concreto é moi receptivo. Porque choveu e houbo máis espectadores que se refuxiaron no teatro, ou por todo o contrario, e non asistiron case espectadores. Nunca se sabe o que vai suceder. Por iso, por ser un espectáculo ao vivo, emociona tanto.
Cando nunha compañía teatral ha mundanzas, sempre é bo. Unha actriz nova que aporta unha diferente visión da personaxe. Unha actriz que substitúe a outra e leva consigo unha forza interpretativa chea de matices distintos –cómicos ou dramáticos, no sentido literal do termo- que sorprenden os compañeiros e anímaos a renovarse, a dar a talla , matices que fan sorrir ou rir constantemente a un público entregado. A paixón da estrea é a paixón da estrea pero a vis cómica non se pode aprender.
Os novos rañaceos luciron moito nos escanos do auditorium, gustaron arropados polo telón azul, por iso algunhas pequechas da ESO que os pintaron estarían orgullosas de velos, ( Ana Barral, Elena Ferreiro, Claudia Viña, Judith Fernández, María Ferreño, Mariana Paez, Lucía Ojea e Rosalía Rocha) e Raiola está segura que elas serán as herdeiras do soño teatral, as futuras raioliñas que iluminarán a escena, decorando ou actuando.
Pódese afirmar que en Padrón houbo unha Raiola renovada e un público agradecido, simpático, espontáneo.

Ququi Naveira Velasco, en A Coruña a 9 –XII-09

Sunday, November 15, 2009

Raiola en Dombodán


Raiola Teatro no III CICLO DE TEATRO AFECCIONADO DE OUTONO –Dombodán-Arzúa.

Función con calor e bebé protestón.

Actuar a ras de chan achega os cómicos aos espectadores; evita o esforzo da proxección de voz e a perda, no fraseo, dalgunha palabra-clave por parte do cercanísimo público ao que lle toca, por outra parte, ver a obra con máis dificultades que cando mira ao alto, a un escenario.
Dombodán soa a mozote alto e forte, de acolledor abrazo, mirada nobre e gargallada aberta; soa tamén a igrexa entre carballos, nogueiras e cans que dormen a perna solta na tranquila calzada parroquial. Dombodán soña con morder as cereixas grandes, frescas e avermelladas que saben a labios de patinadora. Dombodán é un bondadoso abade, en delgado; é un riso de iluminación natural; é unha pequena vila, sen emisora local, aínda pero cun local SOCIAL que, ateigado, escoita, ri, aplaude e agradece, cunha exquisita educación teatral, a actuación dun grupo afeccionado que se entrega, e nótaselle, en cada función.
Dombodán é un xavier predicador da cultura histórica galega e universal. E como bo predicador e doador de palabras, chegará a formarse como inventor das mesmas e por iso, é atraínte e por moitas outras razóns, quéreselle.
Raiola, Padrón como Dombodán, será teu.

Ququi Naveira – A Coruña.

Función: 8 de novembro de 2009.
Local Social de Dombodán ás 18 h.

Funcións próximas: 27 de novembro, Concello de Padrón.

Thursday, November 5, 2009

Raiola en Ru



Preparativos accidentados, función calorosa.


Cando alguén non sabe cambiar unha roda picada e un auto queda durante horas na estrada; ou a outro alguén se lle esquecen os focos. Ou a un terceiro alguén se lle ocorre apoiar as xemas dos dedos na vitro quente... É que vai haber función, e si que a houbo e moi boa, por certo. Despois dos nervios diante dun local algo ‘diferente’ polo orixinal e despois da colocación de luces, son, escenografía, e asentos os actores e actrices e mais os músicos, vestíronse e maquilláronse e sorprendentemete parece que saíron a actuar tranquilamente. É así foi porque a obra saiu moi ben.

Hai que imaxinar a un público participativo, que se ilusionou co tema amoroso desde o primeiro momento e que seguramente se viu alentado por un grupo actoral entregado. A música en directo tamén axuda e as luces colocáronse con precisión.

Comeza un novo curso e un novo roteiro para Os da mesa dez.

As últimas representacións en Ortigueira, Cariño e Rois, tiveran moito éxito e a compañía recibiu sempre felicitacións. Isto mesmo pasou en Vilasantar- Ru, as encargadas de cultura do concello, rifaron coa compañía polo pouco que cobrara...disque.

O grupo viuse enriquecido cunha nova actriz, Lucía Ortega e un novo actor, Martín Concha que aparentaban ser verdadeiros veteranos no escenario. Ambos xa teñen actuado, é certo, pero non en Raiola Teatro. Parabéns para os dous polo ben que se centraron. En segredo, direivos que algún deles se ‘cargou` dúas veces a farola do decorado, mais iso que importa se todos os deuses apoiaron ao grupo?

Benvida a Lucía e Martín e aplauso cariñoso para Raiola Teatro.

Ququi Naveira Velasco

Próximas representacións:

DOMINGO 8 DE NOVEMBRO, ARZÚA

VENRES 27 DE NOVEMBRO, PADRÓN

VENRES 4 DE DECEMBRE, DODRO


ANIMÁDEVOS E ASISTIDE QUE HAI BOS PEMENTOS E BO QUEIXO¡